Responsables, colaboradores e padroadoNúmeros PublicadosEnlaces de intereseContactar

 

A razón de ser

 

A defensa e a potenciación do patrimonio cultural de Galicia sempre estivo, está e estará dentro das estratexias de acción que a Fundación Galicia-América articula dende o seu nacemento. Resulta obvio, pois, o aglaio co que recibimos a aparición desta nova publicación que pasa a formar parte das múltiples actividades culturais que se desenvolven a cotío no seo do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires.

Esta publicación, que nace coa necesaria axuda económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, desexa converterse nun guieiro a prol da normalización lingüística nesta quinta provincia. O esforzo que a devandita secretaría xeral está a realizar na defensa e potenciación da lingua galega, sinal de identidade máximo do noso pobo, congratúlanos sobre maneira e unicamente desexamos ser merecentes de traballar poñendo a nosa frangulla na tarefa emprendida.

Guiados por ese ronsel, no noso centro educativo –ademais das actividades curriculares e extracurriculares– desenvolvemos traballos de normalización e asesoramento lingüísticos. A tradución, corrección e redacción de diversa documentación e a potenciación do uso da nosa lingua en toda a colectividade galega de Bos Aires son tarefas que están dentro do noso marco de acción a través de múltiples actividades. Iso si, lugar de privilexio nestes traballos desenvolvidos, ocupa o alumnado do noso centro, eixe de continuidade cultural.

Este, o noso gavieiro particular, agachado ao pau maior da nosa peculiar goleta cultural, comeza hoxe a súa navegación estreitando lazos entre intelectualidades na procura de novos horizontes para a nosa identidade.

A dimensión global coa que Gavieiro emprende o seu camiño permitirá que outras culturas interactúen de facto con ela. A intelectualidade arxentina terá aquí un espazo para conformar, a carón da galega, un ámbito de pluralidade e entendemento.

A liberdade de expresión estará sempre presente nesta revista; calquera idea, comentario ou colaboración terá un lugar para darse a coñecer. No mundo actual é precisamente a carencia de liberdade expresiva a que moitas veces nos fai presos dun mundo que non desexamos. Iso, neste orbe particular do noso gavieiro, xamais acontecerá pois, dentro dun clima de respecto, cordialidade e calidade, todas as tendencias de opinión terán cabida.

Artellar unha ponte entre Galicia e América que, á súa vez, se ramifique en moitos outros camiños, algúns deles intransitados, é a idea coa que comezamos a nosa navegación iniciática.

Oxalá que estas páxinas sexan merecentes, para todos aqueles que a elas se acheguen, da súa confianza para contribuír a proxectar a cultura galega no mundo e, con total seguridade, achegar a nós outros movementos universais que colaboren nos distintos enriquecementos individuais.

 

 

 

Rafael Patiño Rogel

Presidente da delegación arxentina

da Fundación Galicia-América

Editor


Fundación Galicia América
Bos Aires 2009