|
Día Das Letras
Galegas 2011
>> 20 de maio de 2011
O pasado venres, 20 de maio, o
Instituto Santiago Apóstol festexou o Día das Letras Galegas.
Este ano, os rapaces e rapazas
rendéronlle homenaxe ao poeta Lois Pereiro mediante tres
presentacións cheas de sentimento, acción e respecto pola
figura homenaxeada.
Mediante unha atractiva e
sorprendente posta en escena, o numerosísimo público que
ateigou o Salón Valle Inclán do Centro Galicia de Bos Aires
puido achegarse con rigor á vida e obra dun dos
representantes da contracultura dos anos 80.
Sen dúbida, o acto –dirixido
pola profesora Alejandra Lorenzo, acompañada polos
profesores Fernando Naval e Susana Ferré– contribuíu no
espallamento desta senlleira figura das nosas letras entre
toda a colectividade galega e entre aqueloutros interesados
no noso patrimonio cultural.
Más información:
http://www.editorialgalaxia.com/weblog/?p=11064
Biografía
Lois
Pereiro: Vida e obra
O INCIO
As dúas liñas familiares que
confluíron en Lois son do Incio, sen máis antecedentes
exóticos que un cura francés, exiliado pola Revolución
francesa, e cuxo apelido Pierrerie aínda levaba o bisavó
paterno. Esa póla, orixinaria de Reádigos, era de orixe máis
que humilde. O avó Manuel Sánchez Fernández foi criado dunha
casa rica desde os 7 anos, e un irmán maior seu, José,
emigrou a Portugal. Alí foi sindicalista no sector da
hostalería e no de vendedores de prensa, e tívose que
exiliar en Casablanca, onde acabou tendo un hotel. Desde alí
reclamou a Manuel, que non aceptou. Acabou indo a Marrocos a
outra cousa: á guerra colonial. De volta, foi o que agora se
chama un emprendedor: labrador, caleiro e finalmente
madeireiro, actividade que o deu sacado de pobre. Casou con
Pura Vila Vila, unha señorita da Cruz do Incio, xuntáronse
un carácter forte e un ser delicado, e tiveron un único
fillo, Manuel Sánchez Vila. O pai e o padriño, secretario do
Concello do Incio, decidiron que o rapaz fose estudar
Dereito a Madrid. O mozo aldeán, que necesitaba tirar de
dicionario para entender moitas palabras xa co título, foi
vivir a Monforte, a unha casa que fixera na cidade o pai.
Entrou de pasante en Ferreira de Pantón e logo co pai de
Emilia Casas Baamonde, a presidenta do Tribunal
Constitucional. Porén, deseguida chegou á conclusión de que
non servía para avogado. Así que seu pai colleu o taller de
cristalería que estaba arrendado no baixo da súa casa e
púxoo á fronte do negocio. A familia materna eran os da casa
Castelo de Santa Cristina do Viso, que como indica o nome,
era casa grande. Nela había xardín con cipreses, buxos e
palmeiras, libros antigos, algún prato do vello Sargadelos e
dous reloxos de parede que daban as horas para toda a aldea.
E dous tíos curas, un deles párroco en Cervantes durante 50
anos e dunha bonhomía que ata respectaban os guerrilleiros
que houbo na montaña cando a guerra civil. Desde a aldea de
Bermún foi casar con Hermenegildo Pereiro Díaz, da Casa de
Castelo, Balbina Pontón López, unha muller cun tempero como
para participar na conquista do Oeste. Todo o contrario do
avó Hermenegildo, un home apracible que de cando en vez ía
tomar os baños á Coruña e que soamente saíu de Galicia cando
foi atender a seu irmán maior a Cuba, e volveu cando lle
dixeron que acababa de morrer. Tiveron tres fillos, Carmen,
Inés e José. Inés foi daquelas mestras da posguerra que, con
18 anos, daban clases polas aldeas a rapaces que, en moitos
casos, poucos anos menos tiñan ca elas. Deunas en Santa
Cristina, en Guntín, en Cospeito, na Fonsagrada e en Sober,
ata que tivo que criar os fillos (volvería exercer en 1982,
no Incio, en Quiroga e finalmente en Monforte, nun centro de
Educación Especial). As dúas familias tiñan trato e
coincidían nas romarías da contorna. Manuel Sánchez Vila e
Inés Pereiro Pontón casaron en xaneiro de 1955 e tiveron
axiña dous fillos, Xosé Manuel e Lois, e anos máis tarde a
Inés.
MONFORTE
Lois Pereiro naceu, baixo o
pseudónimo oficial de Luis Ángel Sánchez Pereiro, o 16 de
febreiro de 1958, domingo de Entroido aquel ano, no primeiro
piso da casa de dúas plantas que o avó Manuel construíra a
comezos dos anos 50 no soar da estrada a Ourense onde
estivera o Stadium do Lemos F.C. Levabámonos 17 meses, así
que faciamos un lote ao coidado de Emilia Expósito, a muller
que entrara na casa cando meu pai aínda estaba solteiro, e
que sempre consideramos a nosa outra avoa. Ao coidado dela e
de dúas das súas irmás, Enriqueta e Lola, unha familia de
vella raizame monfortina como comprobabamos nos paseos, que
se facían interminables de tanta xente coa que se paraban a
falar. Os invernos, os outonos e as primaveras transcorrían
en Monforte, a maior parte do día nos Escolapios e o que
quedaba del xogando cos amigos no faiado da casa, na horta,
na propia rúa, nos soares (o máis apetecible, un no que se
amoreaban milleiros de pneumáticos) e nas obras que se ían
erguendo neles. Pero os veráns pasaban nas aldeas do Incio,
primeiro en Reádigos e logo en Santa Cristina, cando aínda
estaban cheas de xente e de nenos. Monforte, o Monforte de
Lois, aquela cidade agredida pola reconversión ferroviaria,
non era aquel burato negro da cultura que era España toda
dez anos antes, pero case. Máis que sempre, daquela as
inquedanzas había que buscalas. Afortunadamente, estaban os
libros, os das librerías monfortinas (Xistral, Balado ou
Mapa) e os que caían nas de Lugo (había un pacto familiar:
cada visita médica, un libro). Afortunadamente, estaba a
música, que chegaba por camiños case clandestinos. E o cine,
aínda que había máis referencias lidas que películas que
ver, quitados os clásicos que poñían na televisión. Aos 17
anos, quen fora un neno máis ben tímido e calado era un
rapaz que recitaba os simbolistas en francés nas discotecas,
compartía a Velvet, Bowie ou King Crimson con aquel novo
invento, a casete, e participaba nos debates dos lectores
nas revistas de cine. Posiblemente a eterna néboa que cobre
no inverno o Val de Lemos, a ferruxe colonizando os raís e a
herba invadindo as travesas de madeira norueguesa foi o que
uniu a Lois desde o comezo e para sempre ao que chamaba "a
xeada estética centroeuropea" e aos movementos
contraculturais. Abríase ao mundo coma quen sobe a coller
aire, pero tamén redescubría quen era e de onde viña.
Comezou a escribir no idioma que escoitara coma quen oe o
río das orixes, e que aínda non falaba, os seus primeiros
poemas. "Nunca escribirei en castelán", díxolle un día á que
empezaba a ser a súa moza, Piedad Cabo. "Quero ser como
Manuel Antonio, escribir un libro e morrer novo".
MADRID
En 1975, Lois foi estudar
Socioloxía a Madrid. Unha viaxe de ida e volta, porque no
primeiro trimestre, aproveitando as vacacións que deran coa
morte de Franco, regresou a Monforte e díxolles aos pais que
renunciaba. O resto do curso pasouno traballando na
cristalería familiar, colocando vidros polas obras. Ao ano
seguinte volveu a Madrid e matriculouse en francés, inglés e
alemán na Escola Oficial de Idiomas. Era o comezo da
Transición, cando moitos querían erguer aquela lousa de
décadas e tamén moitos pensabamos que se podía determinar o
que viría despois. Lois participou, fóra de militancias.
Pero o seu maior entusiasmo era poder mergullarse, na
compaña de Piedad, nas oportunidades culturais que había e,
sobre todo, nas que se estaban abrindo. Ver na Filmoteca as
películas -en ocasións, ata catro no día, dous rapaces de 18
anos entre unha ducia de tipos de barbas- de autores novos,
ou as clásicas que coñecía, pero que nunca vira. Asistir a
concertos ou a recitais. E tamén coñecer xente con
inquedanzas culturais similares. Ante todo, a Manuel Rivas,
e aos pintores Reimundo Patiño, Antón Patiño e Menchu Lamas,
a Fermín Bouza e a Vicente Araguas (e nun encontro casual
nun bar anónimo dun barrio anónimo, descubríndoo na
conversa, ao seu admirado Xosé Díaz Castro). Con eles
fixemos a revista Loia, unha publicación-manifesto feita a
fotocopia, que durou catro números, pero que agora forma
parte da historia da literatura galega contemporánea. E
tamén foi a época de visitar aqueles mundos que coñecía
soamente por referencias literarias ou cinematográficas.
Viaxes iniciáticas por Europa, percorrendo en tren toda
Centroeuropa, Gran Bretaña ou Irlanda, nas que atopaba
reencarnados na Bretaña os labregos do Incio, e nas
estacións de tren de Alemaña o mesmo cheiro agre a creosota
das vías monfortinas. Sempre en peregrinación ás casas nas
que viviran os seus referentes literarios. Naquela época
algúns víano escasamente comprometido, demasiado vangardista,
pero como el mesmo escribiu na súa Modesta proposición: "Teño
liberdade de acción para exiliar o meu espírito no Ártico,
en Asia ou no Nepal, e teño permiso para que nada humano me
sexa alleo. Por iso podo decidir militar na miña propia
lingua". A etapa de Madrid rematou cun feito que marcaría o
resto da súa vida. En 1981 a inoperancia dos controis de
saúde e/ou a corrupción das autoridades permitiu a
intoxicación masiva polo aceite desnaturalizado de colza. O
veleno que matou preto de 400 persoas e afectou a outras
17.000 entrou no piso no que vivía, e a el afectouno
gravemente. Non podía nin vestirse só. Despois de meses sen
saber que enfermidade era aquela que lle consumía e lle
paralizaba o corpo, os médicos recoñeceron que o que tiña
era o que se denominaba "síndrome do aceite tóxico". Lois
deixou as sesións de rehabilitación nun centro médico en
Madrid poucos días despois de comezalas ("non podo ver nenos
que son só ollos", díxolle á nai) e volveu definitivamente a
Galicia.
A CORUÑA
Lois estableceuse a comezos
dos 80 na Coruña, na casa na que vivía eu. Logo na que
compartiriamos coa nosa irmá Inés. Contrariamente ao que
asegura a publicidade das academias de idiomas, manexarse en
inglés, francés e alemán non lle asegurou unha vida laboral.
O aspecto ensumido que lle deu a intoxicación pola colza
privouno dun par de traballos en medios de comunicación.
Mantíñase da dobraxe, series televisivas para a TVG se era
época de vacas gordas e películas porno se viñan fracas.
Pero os idiomas si que lle servían para mergullarse nos seus
amados Peter Handke, Thomas Bernhard ou Alfred Jarry. Seguía
co radar posto para detectar a vangarda na música e no cine.
Cando un grupo de xornalistas creamos La Naval, que
definiamos como "Revista atlántica", acudimos a el para que
se enrolase e fixese de patrón de pesca das tendencias, das
últimas e das de sempre. Tamén o chamaban para intervencións
nos programas de televisión que tiñan vocación de
modernidade e para os primeiros audiovisuais experimentais.
En 1982 ganou o seu único premio, o de Poesía O Facho, e
participou nos dous libros colectivos De amor e desamor (Edicións
do Castro, 1984 e 1985). Un punk calado, irónico e amable,
un dandi esguío entre quen agora son o núcleo duro da
creación poética galega. Eran amigos seus, pero sempre
preferiu frecuentar os labirintos da vida aos círculos
literarios. Aínda así, foi unha das voces incluídas por
Julia Barella na súa antoloxía Después de la modernidad (Anthropos,
1987), con Bernardo Atxaga, Pedro Casariego ou Luis Alberto
de Cuenca. Ata 1992, logo de varios intentos, non deu
publicado o seu primeiro libro, Poemas 1981/1991 (Edicións
Positivas). Corenta e dous poemas "mestura de video-clip,
haiku, destello, pregaria e cantiga de escarnio", escribiu
Manuel Rivas en Babelia, "que o converten no clásico que ten
a literatura galega sen sabelo". Probablemente intuía que a
súa vida ía ser breve. "O futuro é por forza alleo a min",
di un dos seus versos más coñecidos. En 1994 estivo ao bordo
da morte. Traduciu o esforzo e o amor que o retiveron deste
lado nun libro intenso e apaixonado, dos máis duros e
descarnados da literatura galega, xa desde o título: Poesía
última de amor e enfermidade 1992-1995 (Edicións Positivas,
1995). Morreu poucos meses despois, o 24 de maio de 1996, no
cuarto 627 do daquela Hospital Juan Canalejo, o mesmo día no
que se fixo pública a sentenza do caso da colza, o veleno
que lastrou a súa vida. A familia aínda tivo que demostrar
nos tribunais que morrera por esa causa para ter dereito a
unha axuda por falecemento. No seu último recital, o 31 de
xaneiro, dixo en público que quería ser enterrado no
cemiterio de Santa Cristina. Despedírono alí, onde
repousaban o avó Hermenegildo e o tío Pepe, morto aos 41
anos, a familia e os amigos ao son das gaitas tocando A
marcha do Antigo Reino de Galicia. Descansa tralo epitafio
que propuxo no seu último poema:
Cuspídeme enriba cando
pasedes
diante do lugar onde
repouse
enviándome unha húmida
mensaxe de vida e de furia
necesaria.
Xosé Manuel Pereiro
fuente:
http://www.realacademiagalega.org/letters/ViewHonoredFigureWork.do
|