O pasado día 20 de maio
festexamos o Día das Letras Galegas na nosa
institución. Por esa razón, no salón Valle Inclán do Centro
Galicia de Bos Aires, desenvolvemos pola mañá dous actos
destinados ao alumnado, familias e colectivo docente e, xa
pola tarde, outro para o conxunto da colectividade galega e
público en xeral.
En todos os encontros o gran
salón quedou pequeno para acoller o público asistente,
impaciente por acompañar e compartir a homenaxe que o
Instituto Santiago Apóstol lle rendeu ao gran poeta do
Courel, Uxío Novoneyra.
Dende esta páxina, desexamos
agradecer a todos aqueles que seguen apoiando firmemente
unha Galicia sen fronteiras físicas e confían no noso centro
educativo como un fincón inmorredoiro de esperanza para a
nosa lingua e cultura. Xa o dixo Novoneyra: A poesía
entre nós inda segue sendo moito conciencia e voz.
Data
+Info
BIOGRAFÍA
UXÍO NOVONEYRA
A persoa que se ía converter no poeta Uxío
Novoneyra nace o 19 de Xaneiro de 1930, na aldea de Parada
de Moreda, en plena serra do Courel, dentro dunha familia
labrega acomodada. O futuro escritor pasa a nenez e mocidade
neste marco xeográfico courelán da Galicia arredada que
segue conservando nese momento os seus tradicionais modos de
vida e que conformará cos súa particular impronta as
experiencias básicas da futura creación poética do autor, de
inspiración esencialmente telúrica. Da mesma maneira, o
ambiente histórico represivo da convulsa situación da década
dos trinta e comezos dos corenta, que coincide cos anos de
nenez e mocidade, deixarase ver máis tarde na súa poesía
cívica.
En 1945 trasládase, durante o período
escolar, a Lugo para estudiar o bacharelato, que remata en
1948. Neste último ano coñece nesta cidade ó seu compañeiro
de xeración, o escritor da Terra Cha Manuel María. Con
anterioridade, en 1947, xa fora vivir a Parada a autora
noiesa María Mariño Carou, con quen o noso autor iniciará
unha profunda relación persoal que durará ata a morte da
poeta en 1967 e que deixará a súa forte pegada na obra de
ambos. De 1949 a 1951 está en Madrid e alí, tras superar o
Exame de Estado, matricúlase por ouvinte na carreira de
Filosofía e Letras. Esta xeira madrileña é unha etapa de
formación cultural, en gran parte autodidacta, na que
empezará a escribir en castelán, chegando a publicar na
revista universitaria Bengala dous poemas que formaban parte
do libro inédito Desde las cosas. É este tamén un momento de
eclosión política estudiantil e nese ambiente entra en crise
o pensamento do autor, quen daquela comeza a conformar a súa
ideoloxía crítica e dá o seu primeiro recital poético nas
aulas universitarias, iniciando así a que será a súa
recoñecida actividade como “decidor” de poesía.
En 1952 Novoneyra volve a Galicia para facer
o servicio militar, con estancias en Santiago de Compostela,
A Coruña e Lugo, coincidindo outra vez con Manuel María. As
experiencias composteláns son fundamentais pois espertan no
escritor unha nova conciencia galega que se vai forxando en
contacto con figuras como o pintor Carlos Maside, o ensaísta
e ideólogo Ramón Piñeiro e a figura polifacética e
patriarcal de Ramón Otero Pedrayo, tres personalidades
esenciais na conformación da futura obra novoneyriana. É
precisamente este contacto co galeguismo, xunto coa volta ao
Courel durante unhas vacacións no ano 1952, o que motiva o
autor para escribir en galego. A continuación, de 1953 a
1962, permanece no seu lugar de nacemento tendo que gardar
repouso a causa dunha pleuresía. Nesta situación de soidade
nace o ciclo poético courelán, que se inicia co libro Os
eidos (Galaxia, Vigo, 1955), escrito entre 1952 e 1954. A
obra, significativamente dedicada a Maside e Piñeiro, leva
un prólogo en forma epistolar deste último insistindo de
maneira especial no motivo central da vivencia da terra que
o ensaísta consideraba esencial na tradición cultural
galaica. Máis, por outra banda, as relacións galeguistas
lévano a participar en actos puntuais que o vencellan ao
agromar xuvenil do momento, como o recital inaugural do
ciclo “Homenaje a la poesía gallega” organizado en
Compostela no año 1957; nel pronuncia unhas valentes
palabras na nosa lingua proscrita, acompañando a lectura de
textos do cancioneiro medieval, xesto político que causaría
un forte impacto no ambiente represivo e timorato dos negros
anos cincuenta, como nos lembra Xosé Luís Franco Grande no
seu libro Os anos escuros (1985) sobre a resistencia
cultural da xeración do noso autor.
No período que vai de 1962 a 1966 o escritor
vive en Madrid. Nesa capital traballa na radio e na
televisión, sempre en programas relacionados coa poesía
galega, española ou universal; participa na bohemia vida
madrileña; e asiste ás tertulias do Café Gijón, co poeta
Carlos Oroza, o pintor Tino Grañido e un grupo de artistas
plásticos como Urculo ou Viola. Ao mesmo tempo, relaciónase
cos membros do grupo Brais Pinto: o pintor Reimundo Patiño,
o profesor Herminio Barreiro, o político Bautista Álvarez e
os escritores Ramón Lorenzo, Bernardino Graña, Xosé
Fernández Ferreiro e Xosé Luís Méndez Ferrín. Neste ambiente
de vangarda artística e preocupación socio- política
escribe, entre 1962 e 1965, a serie poética titulada
“Elegías de Madrid”, que xunto con outras dúas anteriores (“Primera
verdad y tiempo con nombres” e “Elegías del Caurel”,
elaboradas respectivamente entre 1953 e 1957 e 1958 e 1961)
conforman o libro, editado na capital do Estado en versión
bilingüe galego- castelá e dentro da colección “Adonais”,
Elegías del Laurel y outros poemas (Rialp, Madrid, 1966).
En 1966 retorna de novo ao Courel, debido á
enfermidade dos seus proxenitores, e xa desde este momento
quedará a vivir en Galicia. O seu pai morrerá en 1971 e dous
anos despois a súa nai, pero en 1968 coñece en Lugo a Elva
Rei coa que casará en 1973. A parella terá logo tres fillos,
Branca- Petra, Uxío e Arturo, e residirá ata 1983 entre Lugo
e O Courel. Daquela recolle os poemas do ciclo courelán
posteriores á publicación do primeiro libro, escritos entre
1954 e 1957,que, xunto con outros máis recentes de marcado
signo político, conforma a obra titulada Os eidos 2
(Galaxia, Vigo, 1974), ilustrada con debuxos de Laxeiro e
dedicada á memoria dos seus pais e de María Mariño. Esta
nova entrega courelá leva un significativo subtítulo alusivo
á poética contemplativa que a inspira, “Libro de olladas”, e
está organizada en catro partes relativas ao ciclo de “Os
eidos”, “Serra aberta”, “Follas de cantigas”, “Diario de
enfermo” e “Don do silencio”, e dúas de nome cívico,
“Letanía de Galicia e outros poemas” e “O Laxeiro pintor
dunha Galicia”. Logo, as dimensións políticas e gráfico-
visual aparecen conxugadas no seu seguinte libro, Poemas
caligráficos (Brais Pinto, Madrid, 1979). A obra é o número
un dos “Cuadernos da Gadaña”, colección de título alusivo á
vangarda pictórica artillada en torno a Brais Pinto coa que
se atopa en perfecta sintonía non só polas creación
caligráficas e tipográficas, senón tamén por todo o aparello
paratextual que as rodea: o limiar “Signos no vento, signos
no tempo” de Reimundo Patiño, as citas de Luís Seoane e do
estudioso expresionismo abstracto Anthony Everitt, así como
o debuxo do aludido patiño, o deseño de Xosé Manuel Pereiro
e o álbum fotográfico, de Novoneyra no Courel e con Elva,
que lle serve de colofón. O núcleo poético do libro divídese
en dúas partes: “Vietnam canto“ e “Poemas caligráficos”. Por
outra parte, nestes anos de marcada preocupación cívica,
traduce ao galego varios poemas do escritor e político
chinés Mao Zedong (El Progreso, 19-9-1976).
A comezos da década dos ostenta Novoneyra é
considerado xa como un clásico pois como tal o confirman non
só o seu tratamento na Gran Enciclopedia Gallega, senón moi
especialmente os estudios da nova crítica, como o revelador
“O fonosimbolismo na poesía de Novoneyra” publicado en 1980
por Claudio Rodríguez Fer ou os comentarios literarios como
o sopesado “O iceberg poético de Novoneyra” que escribe Anxo
Tarrío en 1981. Máis tarde, en 1984, Méndez Ferrín contribúe
fundamentalmente a esta canonización ao escoller o seu nome
para o título do libro De Pondal a Novoneyra, co que o
crítico sintetiza en fermosa metonimia a súa persoal visión
da historia da poesía galega. E a inclusión no canon será
definitiva en 1989 ao ser incluída a súa obra entre os
obxectos de estudio do libro Poesía galega de Rodríguez Fer.
Por outra parte, nesta mesma década o noso autor inicia a
recompilación completa do seu ciclo courelán, despois de
sometelo a unha rigorosa depuración. Así, publícase no
número un da colección Grandes Mestres Os eidos. Libro do
Courel (Xerais, Vigo, 1985). Ambas obras levan unha
exhaustiva antoloxía de comentarios críticos de moi diversas
auditorías e un glosario feito polo propio poeta, ademais
dun caligrama del mesmo, tres retratos seus realizados por
Carlos Maside, Tino Grandío, Laxeiro e Pedro Martínez Tavera,
así como ilustracións de Blas Lourés, o citado Maside e René
Portocarrero, xunto coa partitura da composición “Pasan
pasan as nebras”, para canto e piano, feita por Manuel
Balboa. Ten un interese especial o apartado desta edición
titulado “Fragmentos de críticas apoloxías e semblanzas”
pois serve como guía básica da recepción crítica da obra
novoneyriana e constata o recoñecemento xeneralizado do seu
canto telúrico, por enriba das reticencias interesadas que
sempre suscitan no mundo literario as obras que se impoñen
por si mesmas, indiscutibles.
En 1983 afíncase definitivamente en
Compostela, desde onde exerceu a presidencia da Asociación
de Escritores en Lingua Galega, a partir da súa primeira
elección en 1982 ata a súa morte en 1999. Desde o punto de
vista creativo, na segunda metade da década dos ostenta
comeza unha reagrupación temática da súa obra completa. Así,
en Muller pra lonxe (Deputación de Lugo, Lugo, 1986) reúne,
no número un da colección por el mesmo bautizada “Gran Lugo
de nebra”, os poemas eróticos e amorosos nunca edición
artística ilustrada polo pintor lugués Carlos Pardo Teijeiro,
así como polos trazos manuscritos do autor, e acompañada dun
epílogo crítico do poeta Claudio Rodríguez Fer. Máis
adiante, aparece na colección “Vento que zoa” Do Courel a
Compostela 1956- 1986 (Sotelo Blanco, Barcelona, 1988), unha
antoloxía que recolle todas aquelas composicións de temática
política, acompañadas por unha escolma de textos críticos da
autoría de Xesús Rábade Paredes, Herminio Barreiro, Luís
Seoane, Basilio Losada, Reimundo Patiño, Xosé Luís Méndez
Ferrín, Xulio Valcárcel e Claudio Rodríguez Fer, o libro
está ilustrado con numerosas caligrafías do Courel de
Federico García Cabezón, retratos do escritor por Lorente,
Laxeiro e Maside, e reproduccións de Os anos escuros de
Franco Grande e de dous números da revista Si la píldora
bien supiera no la doraran por defuera, onde aparecerán
referencias ao escritor xunto cos seus poemas “Pranto polo
Che” e “Vietnam canto”. E, seguindo estas recompilacións
temáticas, publícase finalmente unha nova versión bilingüe
galego- euskera da serie courelá, pero depurada dos
elementos políticos ou eróticos, presentes nas publicacións
anteriores deste ciclo, e sen as dedicatorias nin o glosario
das versión precedentes. Esta edición, titulada Bazterrak/
Os eidos I e II (Pamiela, Iruñea, 1988) foi realizada e
prologada polo poeta donostiarra Koldo Izagirre. Máis
adiante, ao comezo da década dos noventa ve a luz unha
edición introducida e anotada deste ciclo telúrico, agora na
colección Biblioteca das Letras Galegas e ao coidado de
Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, Os eidos (Xerais,
Vigo, 1990), edición que contribúe á consolidación do
escritor no canon literario galego e que, con respecto aos
textos, repite a anterior á que só engade un último poema, o
titulado “O monte Cido”, escrito en 1985. Nesta mesma liña
canonizadora do autor dentro do sistema literario, tres anos
despois, na colección “Criterio” promovida pola Asociación
Sócio- Pedagógica Galega, Antonia López García publica un
traballo sobre a súa obra: Os camiños do soño (a poesía de
Uxío Novoneyra) (Do Cumio, Vigo, 1993).
Mais os anos noventa van amosar unha nova
contribución creativa do escritor, que dá a coñecer dúas
publicacións de literatura infantil, O cubil do xabarín (Edelvives,
Zaragoza, 1991) e Gorgorín e Cabezón (Edelvives, Zaragoza,
1992), dous contos de aventuras protagonizados por rapazas e
rapaces, ambientados na xeografía do Courel e cunha rica
linguaxe poética. Nesta mesma década, reedítase na colección
“Merlín e Familia” Elexías do Caurel e outros poemas, con
modificacións, ademais do engadido da serie “Madrid /
noite”, ilustrado cun debuxo de Reimundo Patiño e baixo o
novo título de Tempo de elexía (Vía Láctea, A Coruña, 1991).
Ademais, despois dun longo silencio, roto tan só pola
aparición dalgunha composición nova, como puido ser a
titulada “Viaxe”, dada a coñecer en 1991, ou a saída da
segunda edición da obra Os Eidos da Biblioteca das Letras
Galegas (Xerais, Vigo, 1991), publica unha entrega poética
individual, Poemas da doada certeza i este brillo premido
entre as pálpebras (Espiral Maior, A Coruña, 1994), con
gravados de Carlos Crego, fotografías de Federico García
Cabezón, unha pintura de Reimundo Patiño e caligrafías do
propio autor. Esta reaparición poética complétase coa
publicación do poemario de temática compostelá e autoría
colectiva Camelio xaponés (Consorcio de Santiago, Santiago
de Compostela, 1995). A obra reúne en edición bilingüe
galego- nipona sete xiikas (versos xaponeses) de Ayako
Sugitani, en versión galega de Novoneyra, e tres
composicións galegas do noso autor, postas en xaponés pola
citada escritora nacida en Hagi- Shi. Trátase dun libro de
coidada edición institucional que reúne os textos poéticos
referidos, xunto con caligrafías e fotografías de Ayako
Sugitani. Ao ano seguinte Xosé Manuel Varela Varela edita
unha pequena antoloxía da producción novoneyriana baixo o
título Do Courel ó Monte Branco (Asociación Cultural Monte
Branco, Ponteceso, 1996), que de novo asocia o mundo do noso
autor co de Pondal ao unir a paisaxe mesma da orixe da terra
pondaliana cos resoantes ecos dos cumes do silencio de
Novoneyra, como se dicía nun artigo titulado “De Rosalía a
Xohana Torres” dese mesmo ano.
E neste último período o poeta segue sacando
á luz diversas mostras creativas en distintos medios, como
as “Lendas de a cavalo” (O Correo Galego 13-VII-1997),
pertencentes á obra inédita a que o propio escritor se ten
referido en distintas ocasións como Libro de Rotas/ Ameto
Mítico ou simplemente Ameto Mítico., e que sairía á rúa uns
días despois do seu pasamento, acaecido o 30 de outubro de
1999, baixo o título Arrodeos e desvíos do Camiño de
Santiago outras rotas (Hércules Ediciones, A Coruña, 1999)