Versión en idioma castelán Correo Electrónico Home

Visita do Sr. director xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Xunta de Galicia, don Francisco López Barxas; Ramón Abal e Carlos Airas, funcionarios do goberno galego; e Benigno Campos

>> 26 de abril de 2010

 

O pasado luns, 26 de abril, recibimos a visita do Sr. director xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Xunta de Galicia, don Francisco López Barxas, quen –alén de Ramón Abal e Carlos Airas, funcionarios do goberno galego– veu acompañado de Benigno Campos, recoñecido cociñeiro e presentador do programa Larpeiros da Televisión de Galicia.

Durante a súa estadía no noso centro educativo, o director xeral tivo oportunidade de percorrer as instalacións, interiorizarse dalgúns dos proxectos que desenvolvemos e coñecer o sistema de traballo que empregamos. Asemade, asistiu á charla que mantivo Benigno Campos co alumnado do nivel Secundario no salón Xacobeo do instituto, durante a cal os rapaces e rapazas puideron dialogar co prestixioso cociñeiro. Antes desta intervención, don Francisco López Barxas dirixiulles unhas palabras aos mozos e mozas inzadas de propostas de futuro.

Logo do devandito encontro, a comitiva mantivo unha entrevista de traballo cos membros da Delegación arxentina da Fundación Galicia América.

Dende esta páxina, desexamos agradecerlle ao director xeral todas as atencións que nos dispensou, tanto durante a súa estadía no instituto como nas xornadas anteriores na Feira do Libro de Bos Aires.

 

 


Fotografías


 

 

 


+Info


 

Francisco López Barxas

 

Naceu en Ponte Barxas (Ourense) o 24 de abril de 1952. É licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid.

Desde o ano 1983, exerceu como crítico literario na prensa nacional e revistas literarias. Durante os anos 1984 e 85 foi redactor xefe da revista Argumentos, cargo que tamén desempeñou na canle de televisión Yurital News, entre 1989 e 91. Foi director do Xornal Diario, en Pontevedra, os anos 1991 e 92. Na TVG, exerceu de editor do informativo Bos Días entre o 2000 e 2003 e de redactor xefe de Informativos do 2003 ao ano 2005.

Profesor de Lingua e Literatura no colexio Logos en Las Rozas (Madrid) entre os anos 1987 e 1989, entrou a formar parte do Consello Reitor da Universidade Antonio Nebrija en 1989. Ademais, no seu labor docente impartiu cursos como profesor convidado en distintas universidades como a Universidade Internacional Menéndez Pelayo, a Universidade Complutense de Madrid ou a Universidade da Coruña .

Publicou máis dunha ducia de libros entre os que se atopan En torno a Antonio Machado (Gijón, 1.988), Antología de la Poesía Gallega (Madrid, 1.991), Eugenio Granell. O surrealismo felizmente vivo (Vigo, 1.999) ou O ladrón de paxaros (A Coruña, 2.006). Obtivo diferentes premios literarios e actualmente colabora en numerosas revistas e xornais.

 

.::.

 

Benigno Campos Melón

 

Nacín en Chapela, (Redondela) o 7 de agosto de 1949, o meu pai era Arnaldo e a miña nai Lucila. Estudei Bacharelato no instituto Santa Irene e colexio Alba de Vigo. Traballei durante 39 anos nunha empresa de construción naval de Vigo, na oficina técnica; como técnico de organización e proxectista. No ano 1971, facendo o servizo militar en Madrid, comecei as miñas andanzas na cociña; e convertinme nun verdadeiro afeccionado, porque nunca foi esta a miña profesión, pero si a miña paixón, o mesmo que a música popular galega. En 2008, comecei a participar no programa da Televisión de Galicia Larpeiros, á vez que escribín un libro de cociña con 150 receitas, chamado A cociña de Larpeiros editado en idioma galego pola Editorial Galaxia. Este libro, en menos dun ano, conseguiu chegar á oitava edición, con máis de 50.000 exemplares vendidos. Posteriormente, a editorial Everest editou o mesmo libro traducíndoo ao castelán co título de La cocina de Benigno Campos. Nunha semana esgotouse a 1ª edición deste.

 

.::.

ir arriba