Xosé Antonio Neira Cruz
(1968, Santiago de Compostela)
Xosé Antonio Neira Cruz é
un dos escritores máis importantes da literatura infantil e xuvenil
galega e, malia ter unha escrita moi independente e fóra das principais
correntes, pode situarse como enlace entre os autores máis pedagóxicos
dos anos oitenta e a temática máis libre e imaxinativa que domina no
século XXI.
Xosé Antonio Neira Cruz
naceu en Santiago en 1968 e pertence a unha das primeiras promocións de
escolares que recibiu o ensino en galego ou, cando menos, de lingua e
literatura galega. É dicir, formouse cando se estaban a producir as
primeiras experiencias educativas e cando a literatura, utilizada como
apoio ao ensino, aínda estaba en produción e en calidade lonxe da que se
estaba a empregar, por exemplo, en lingua castelá.
Licenciado en Filoloxía
Italiana na Universidade de Santiago e doutor en Ciencias da Información
na mesma universidade, levou unha traxectoria profesional a medio camiño
entre o xornalismo e a literatura. Xornalista en Galicia
Internacional e en Tempos novos, deixou a práctica do
xornalismo polo seu estudo, e na actualidade é profesor de xéneros
xornalísticos na facultade compostelá. En paralelo, a súa vinculación
literaria como escritor de literatura infantil e xuvenil veuse apoiada
polo seu traballo de activación cultural. Membro de Gálix, membro
posteriormente do International Board on Books for Young people,
a máis importante organización mundial de promoción da literatura
infantil e xuvenil, está á fronte do comité organizador do Congreso
Internacional desa entidade, que se celebrará en Compostela en 2010.
Ademais, é o promotor e director da revista Fadamorgana de
literatura infantil e xuvenil, e foi coordinador literario da editorial
Tambre-Edelvives e das súas coleccións Ala-delta e
Catavento, orientadas ao público máis novo, ata 2003. Na actualidade
desempeña un cargo semellante na editorial Galaxia, coas coleccións
Árbore e Costa Oeste.
A súa carreira literaria
comezou realmente cedo, pois con 20 anos converteuse no autor máis novo
en gañar o premio Merlín, en 1988, con Ó outro lado do sumidoiro.
Nesta primeira peza narrativa, orientada a un público infantil, recollía
estilo e temas dos libros máis rompedores da época, como Das cousas
de Ramón Lamote, de Paco Martín.
Posteriormente publicou
Melanio e os paxaros, de 1990, e en 1998 rompeu con esa liña
buscando un texto moito máis lírico, onde tocaba mitos clásicos como a
anagnórise e o papel da muller en Valdemuller. Este texto recibiu
o premio Barco de Vapor de 1998, ao igual ca Os ollos do tangaleirón,
publicado en 1999, e tamén galardoado co Barco de Vapor. En 2000 deu ao
prelo As cousas claras, unha novela cun cariz moito máis social
onde o debate e a reflexión a propósito do sexo e da manipulación da
mocidade non resta azos ao peso da aventura, intensa e emocionante. A
súa traxectoria continuou con Os gatos de Venecia de 1991,
finalista do premio Lola Anglada, ou con outros volumes onde pasa a
primeiro plano a recuperación da literatura popular como en O xenio
do sultán de 1998, A caixa do tesouro de 2001 ou O home
máis rico do mundo, de 2002. Esa liña rómpea en 2003 con O armiño
dorme, onde explora a temática da novela histórica pero dende unha
perspectiva intimista, e onde unha vez máis realiza perfectos relatos
psicolóxicos de personaxes femininos, neste caso na Italia do século
XVI. Este libro foi recoñecido entre os dez mellores do mundo para
rapaces polo Banco do Libro de Venezuela.
Outras obras:
Rosalía tralas máscaras
do tempo, 1994 (biografía)
Castelao no mar do
tempo, 1995 (biografía)
Paio Gómez Chariño,
...a mui gran coita do mar, 1996 (biografía)
Así viviu... Ánxel Fole,
1997 (biografía)
As porcas porquiñas,
1997 (narrativa)
Caramelos Martín Codax,
1998 (biografía)
Rumbo á illa de San
Simón, 1998 (biografía)
Xograr Cangas e
Asociados, 1998 (biografía)
María está a pinta-lo
mar, 1998
A memoria das árbores,
2000 (narrativa)
Eu son adoptada ¿e que?,
2004 (narrativa)
Mambrú, cociñeiro de
perfumes, 2005 (narrativa)
A noite da raíña
Berenguela, 2005 (narrativa, premio Lazarillo
do Ministerio de Cultura)
Fonte: www.prazadasletras.org
.::.