Versión en idioma castelán Correo Electrónico Home

Visitounos o xornalista Arturo Lezcano

Data:

25 de Novembro de 2009

Descrición:

O pasado mércores recibimos a visita do prestixioso xornalista galego Arturo Lezcano acompañado pola súa esposa Elvira.

Ás 9:30 horas foron recibidos polas autoridades educativas do centro de estudos que os acompañaron á sala de reunións da Fundación Galicia América para que, compartindo un café, puidesen coñecer algúns dos proxectos que desenvolvemos ao longo do ano.

A continuación, ás 10 da mañá, o xornalista ourensán dirixiuse cara ao salón de actos para manter un encontro co alumnado do nivel Secundario que o agardaba con impaciencia. Na súa alocución, antes de que os rapaces e rapazas iniciasen a quenda de preguntas, Arturo Lezcano achegoulles aos mozos e mozas unha visión persoal, directa e –nalgún caso– novidosa do escritor Eduardo Blanco Amor alén de diagramar algunhas pinceladas sobre outras figuras das nosas letras, ás cales tamén tratou.

Despois da charla, os ilustres visitantes percorreron todas as nosas instalacións educativas e puideron ver in situ como desenvolvemos o noso labor pedagóxico cotián. Aproveitaron tamén para ollar os traballos dos alumnos e alumnas na exposición do Obradoiro de Creatividade e para dialogar con Alejandra Lorenzo, responsable dese proxecto.

Na biblioteca do nivel Secundario Arturo Lezcano dedicou ao Santiago Apóstol un exemplar do seu libro “Os dados de Deus” e despois dirixiuse de novo á sala de reunións da fundación onde tivemos a honra de que asinara o libro de ouro do noso centro educativo.

Máis tarde, a visita realizou un percorrido polas instalacións do Centro Galicia de Bos Aires onde foi recibida polo presidente da institución, José María Vila Alén.

Moitas grazas, don Arturo e dona Elvira, pola súa deferencia connosco.

volver

 + info

  ir arriba

+ INFO

 

Arturo Lezcano

 

Logo de facer varios cursos de Dereito, déixaos para se dedicar ao xornalismo na súa cidade durante a década dos 60 do pasado século. A finais de 1969 convértese en redactor xefe e posteriormente en director de Ferrol Diario, coincidindo cos violentos sucesos das postrimerías do franquismo. En 1981 pasa a La Voz de Galicia como redactor xefe da sección de Galicia, coordinador do caderno de cultura ao longo de sete anos, redactor xefe de Nacional, Opinión, Control de Edicións e, finalmente, primeiro Amigo do Lector (Ombusman) do devandito xornal. Tamén foi elixido para os dous primeiros mandatos do Comité de Redacción. Xubilado en 2003, colabora en La Voz de Galicia e na actualidade é vicepresidente da Fundación Vicente Risco, con sede en Allariz (Ourense).

Como profesional asinou ano tras ano unha columna diaria, publicou un elevado número de reportaxes -máis de 30 preto da emigración galega en Centroeuropa-, exerceu decote a crítica cinematográfica e mais a literaria, e asemade unha páxina semanal de divulgación do cinema. Paralelamente foi cofundador e secretario dos cine clubs Miño, en Ourense e Zoom, en Ferrol. Tamén figurou nos xuris dos principais premios literarios galegos, en particular o Torrente Ballester, no que permaneceu un decenio.

Premio Xunta de Galicia (1987) e Julio Camba (1981) é autor de algúns libros en lingua galega, tanto de ficción como de ensaio e xornalismo: Os Dados de Deus e Só os Mortos soterran seus mortos (Galaxia, literatura fantástica), Vicente Risco (A nosa Memoria, Xunta de Galicia) e Risco segundo Risco (Galaxia), Ferrol Diario (1969-1981). Unha agonía para unha expresión de seu e Ourense, Cittá aperta.

 

Fonte: www.aelg.org

 .::.

ir arriba