O pasado mércores, 29 de
abril, tivemos o honor de recibir ao escritor Xabier Puente Docampo e ao
deseñador e ilustrador Xosé Cobas no noso instituto.
Nada máis chegar, logo dos
saúdos pertinentes, dirixíronse á biblioteca dos niveis Infantil e
Primario. Alí, xunto con algúns dos rapaces e rapazas de cuarto, sexto e
sétimo cursos idearon un fermoso conto cheo de maxia e sentimento. Á
vez, Xosé Cobas ía recreando con fermosas ilustracións as palabras que
escritor e alumnado tan ben lograron conxugar.
Antes de rematar este
encontro, Xabier respondeu algunhas preguntas que se lle formularon e
escoitou compracido a lectura dun fragmento da súa obra a cargo dun
grupo de alumnos e alumnas.
A continuación, na sala de
reunións da Delegación Arxentina da Fundación Galicia América, diante
dun pequeno almorzo, Xabier e Xosé asinaron o libro de ouro da
institución educativa. Nese momento de descanso, houbo tempo para falar
de novos proxectos, enunciar algúns dos traballos que se desenvolven a
cotío no centro e explicar o funcionamento xeral da institución
educativa.
A delegación arxentina da
Fundación Galicia América agradeceulles a súa presenza e, en especial a
Xabier, mostroulle institucionalmente o aprecio que por el temos. Cómpre
salientar que foi Xabier Puente Docampo, hai catro anos, a primeira
visita ilustre que tivemos e que mostrou grande interese polo traballo
que desenvolvemos. Por ternos sempre presente e por ser o primeiro en
darnos a coñecer dentro das fronteiras administrativas de Galicia,
moitas grazas.
Ás once da mañá, escritor
e ilustrador dirixíronse ao salón de actos Xacobeo para manter un
encontro co alumnado do nivel Secundario do instituto. Nesa charla,
Xabier comezou por contarlles aos asistentes un fermoso conto que Xosé
Cobas, a partir das impresións que a el lle causou o relato, reflectiu
nun magnífico cadro.
Compartindo maxias,
lembrando bos momentos e ideando ilusións marabillosas a través da
palabra e a imaxe, Xabier e Xosé contaxiaron ao alumnado que se mantivo
sumamente atento e interesado por aprender da man de dúas das primeiras
figuras da creación galega actual.
Para rematar, en sinal de
agradecemento, entregáronselles a Xabier e a Xosé uns pequenos agasallos
de recordo. Tamén se lle entregou un modesto presente a Helena Torres,
responsable da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia na 35ª Feira
do Libro de Bos Aires, quen sempre estivo ao noso dispor para conseguir
que estas visitas se puidesen levar a cabo.
Cómpre salientar que tanto
o óleo como as ilustracións que Xosé Cobas realizou nesta a súa estadía
no noso instituto foron doadas por el para o centro de estudos. En
vindeiros días, poderán ser contempladas por todos os que o desexen nun
lugar preferente que será anunciado con antelación.
Moitas grazas pola súa
bondade e xenerosidade connosco.