O profesor Afonso Vázquez Monxardín visitounos para
impartirlle unha charla ao alumnado do nivel Secundario do centro
educativo. Nesta, o investigador achegoulles aos rapaces e rapazas unha
visión pormenorizada da relación que mantiveron ao longo da historia as
linguas en xeral e a galega en particular coas novas tecnoloxías da
información e o desenvolvemento.
A través dunha presentación de power point guiada
por ordenador puidemos achegarnos á historia da lingua galega dende as
súas orixes ata a súa presenza nos medios de comunicación neste século
XXI. O profesor teceu ademais unha ollada de futuro e expuxo as
dificultades e os horizontes que ten por diante.
Afonso quixo tamén que puidésemos comprobar in situ
a capacidade que teñen as novas tecnoloxías para o desenvolvemento
cultural e lingüístico; deste xeito, puidemos escoitar, entre outras, as
voces de Afonso Daniel Rodríguez Castelao ou de Manuel Rivas, arquivos
de voz recuperados polo Arquivo sonoro de Galicia do Consello da Cultura
Galega do cal el é secretario.