O pasado martes recibimos no instituto a
visita de dous dos escritores máis salientables do panorama literario
galego actual.
Francisco Xosé Fernández Naval e Ramón
Caride Ogando compartiron co alumnado do nivel secundario as súas
experiencias nun clima de expectación, ledicia e aprendizaxe.
Despois das intervencións iniciais dos
escritores, desenvolveuse un produtivo coloquio entre eles e os alumnos
e alumnas que serviu para enriquecer a formación integral dos presentes.
Estiveron tamén acompañándonos no acto,
que presentou a alumna de 4º curso Betania Márquez Gripo, a delegada da
Consellaría de Cultura pola provincia da Coruña, Milagros Lantes Seara e
o funcionario e escritor Carlos Arias.
Queremos agradecer fondamente a
preocupación que mostra a Xunta de Galicia e, concretamente, a
Consellaría de Cultura por achegar aos nosos rapaces e rapazas os
pensamentos, realidades e horizontes da Galicia actual a través das súas
máis significativas voces.
Naceu en Ourense no ano 1956. É autor
dunha ampla obra literaria. Di que foi a través dos contos da súa nai
(“Ela non nos contaba o conto da caperuchiña vermella, nin pulgarcito,
as historias que escoitabamos eran a memoria da familia, do río, da
aldea.”) e na súa afección polo cine onde naceu o seu gusto por escoitar
xunto coa necesidade de contar. “Aínda que empecei escribindo poemas e
pezas teatrais, foi na narrativa onde atopei o mellor lugar para
expresar aquilo que quería comunicar. Sen embargo nunca deixei de
escribir versos. Ler e escribir poesía é unha necesidade, a certeza de
que só ela nos aproxima á intuición do misterio no que nos movemos, do
misterio co que cada un convive.”
O mundo da pesca na literatura galega,
1999 (ensaio)
Lendas de onte, soños de mañá, 2001
(narrativa xuvenil)
No corazón da fraga, 2001 (narrativa
xuvenil)
Sete noites e un amancer, 2003
(narrativa)
Suso Espada. O misterio do Grial, 2003
(narrativa xuvenil)
Unha cita co aire, 2005 (novela)
Mar de Lira, 2005 (poemario)
Respirar polo idioma: (os galegos e
Julio Cortázar), 2006 (ensaio)
Miño, 2008 (poemario)
Ramón Caride Ogando
Naceu no concello de Cea, Ourense, o ano
1957. É autor dunha extensa obra narrativa, recoñecida pola crítica e os
lectores, con novelas como a triloxía de sombras e de lume, integrada
por Soños eléctricos (Premio Blanco Amor, 1992), unha das primeiras
obras de fantasía científica escritas en galego; Sarou, centrada no
submundo do narcotráfico (Premio Café Dublín, 1997); e a recente O
Sangue dos camiños (Premio Risco de Literatura Fantástica, 2003).
Animador de múltiples actividades culturais, ten desenvolvido ademais
unha intensa actividade xornalística dende os anos oitenta.