MALVELA
www.malvela.info
O grupo Malvela xurdiu a partir dun
cursiño de cantos populares dirixido pola cantante Uxía e organizado hai
xa uns anos pola Asociación de Mulleres Rurais de Mos.
O que nun principio foi unha actividade
cultural, logo deu en converterse nunha paixón continuada, ata que a
madurez e as ganas de rescatar e transmitir as cancións que gardaban na
súa memoria, levaron a Malvela a concibir unha actividade artística fora
do tradicional ámbito doméstico.
Convén sinalar que tanto nos discos como
nos directos, Malvela, transmite un ambiente festivo ao que contribúe
tamén o feito de xunguir distintas xeracións de mulleres, dende a
veteranía dos oitenta anos da Sra. Carmen ata os vinte e seis da
gaiteira Raquel, a máis nova, e xunto con elas as demais voces: Matilde,
Silvina, Fita, Clara, Camiña, Carmen, Lina, Maruxa, Dina, Aurita,
Teresa, Merche e Adela.
Todas elas rescatan eses cantares vellos
coa súa forza e convicción naturais que empregan ben a fondo cada vez
que pisan un escenario.
Así, un concerto de Malvela é sempre
participativo, unha ocasión única para gozar da mellor música popular.
Elas fan posible que a tradición musical
galega reviva con frescura e espontaneidade e que chegue a todo tipo de
xente.
O grupo esta acompañado dunha variada
instrumentación:
Gustavo Domínguez(acordeón)
Raquel Domínguez (gaita e frautas)
Pablo Ces (bombo)
Anxo Pardo (tambor e tarrañolas)
Abilio Santos (cavaquiño e harmónica)
Ana Senlle (dirección vocal)
www.malvela.info
UXÍA SENLLE
Uxía comezou a cantar dende moi nova e
edita o seu primeiro álbum, Foliada de marzo en 1986, con só vinte e
catro anos. Naquel entón realiza unha música bastante próxima ao
tradicional, influenciada polo espertar da poesía galega na música
popular. Ao ano seguinte incorpórase como vocalista ao grupo “Na lúa”,
un dos buques insignias do folk galego, e talvez o máis renovador dos
anos oitenta. Catro anos despois, en 1991, deixa o grupo e edita outro
álbum en solitario, o cosmopolita Entre cidades.
O 6 de marzo de 1994 participa no
espectáculo Mulleres a viva voz, con Amália Rodrigues e coa mallorquina
María del Mar Bonet. A partir dese momento continuará na liña máis
cosmopolita, destacándose polas súas intervencións en discos alleos,
polas colaboracións en concertos de varios artistas e pola creación de
espectáculos plurais sobre a canción de mulleres ou o ámbito lusofonía.
Con todo, o seu maior éxito foi o álbum
Estou vivindo no ceo, producido polo portugués Júlio Pereira, e que a
deu a coñecer en toda Europa. Nel renova a canción tradicional galega e
dálle pé á aparición de todo un amplo abano de vocalistas femininas nos
finais dos anos noventa, como Guadi Galego, Leilía ou Anubía. Foi
recoñecido pola crítica europea coma un dos mellores de 1995.
Discografía
-
Foliada de marzo (Edigal), 1986
-
Entre cidades (Sons Galiza), 1991
-
Estou vivindo no ceo (Nubenegra), 1995
-
La Sal de la Vida (Nubenegra), 1997,
en colaboración con Rasha, María Salgado e Xesús Pimentel)
-
Danza das Areas, (Virgin), 2000
-
Eterno navegar, (Harmonía Mundi. World
Village), 2008.