Versión en idioma castelán Correo Electrónico Home

Visita de Estíbaliz Espinosa

Data:

30 de Abril de 2008

Descrición:

O alumnado do nivel secundario tivo a oportunidade de compartir uns momentos coa artista Estíbaliz Espinosa.

No salón de actos Xacobeo, durante unha hora e media, a escritora coruñesa achegou aos presentes unha visión da poesía actual e, a través de varias actividades onde participaron os rapaces e rapazas do instituto, presentou e interpretou varios textos literarios.

Moitas grazas, Estíbaliz, pola túa deferencia connosco.

volver

 + info

  ir arriba

Biografía

Estíbaliz Espinosa

 

Estíbaliz Espinosa é unha escritora, cantante e actriz que naceu na Coruña o  6 de xullo de 1974. Tense definido a si mesma como híbrida, mutante ou anónima. Experimental e reflexiva co eido artístico, mestura ciencia-ficción, dramaturxia e ironía en moitas das súas propostas.

Como poeta deuse a coñecer con Mecánica Zeleste [1999]. Posteriormente obtivo o Premio Esquío con Pan (libro de ler e desler) (2000). Caracterízase por crear unha poesía cósmica, con elementos primixenios, toques de ironía, reflexión e certa despoetización da materia convencionalmente poética. Segue nese fío en –orama [Col. Tambo, 2002], facendo un xogo de palabras co seu libro anterior. Neste conxunto de textos hai referencias ao cine, á ollada e ollo humanos, ao espazo exterior, e xoga con influencias dende científicas ata provintes do eido das artes plásticas, dos contos de fadas, do debuxo, da música, da matemática ou da astronomía. Unha sección de -orama recibe o Premio Díaz Xácome de Novos Creadores en 2001. número e (Premio Espiral Maior 2001) pecha ese primeiro ciclo, con textos que aluden aos números, á identidade perdida e á cibernética.

Na rede é responsábel de varios proxectos: os blogs ...mmmm..., [...] e abra a cápsula, por favor. Experimenta con ambientacións sonoras, canto e ruidismo. Ten gravado audiopoemas [Instituto Cervantes de Nova Iorque, El Gaviero, 2005] e podcasts [1º premio de Podcasts Poético-Artísticos do Ajuntament de Tarragona, 2006].

Como actriz traballou en varias compañías galegas. Presentou o proxecto persoal Opia no Fórum Metropolitano, mestura de textos e canto. Protagoniza a curtametraxe Reverso [M. Trincado, 1998] e colabora nunha videoinstalación [Pablo Zas, 2007].

Como cantante, desenvolve nos ámbitos do jazz e o canto lírico.

Codirixiu e presentou Ulalume, un programa de contacontos na radio independente Cuac FM [1996-2001]. De aí xurdíu Contacontos Ulalume.

Ten obra traducida ao alemán, ruso, castelán, inglés e italiano.

Publica textos en Babelia (El País) e no suplemento cultural do ABC.

Participou en numerosas revistas de ámbito nacional e internacional: Salamandria, müsu, Compostelán, Madrygal, Çopyright, O ollo público, Alhucema, Cooltural Galicia, Serta, La Caleta, A Xanela, Casa da Gramática, Idearia

ir arriba