O alumnado de cuarto curso de Bacharelato
visitou o pasado martes, 19 de agosto, a Delegación da Xunta de Galicia
en Bos Aires para ollar a mostra “Nós mesmos. Asociacionismo galego na
emigración”.
Esta exposición itinerante está organizada
polo Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración,
en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.
En diferentes paneis, recolle datos e
imaxes de centros, irmandades, escolas da emigración e agrupacións de
todo tipo que manteñen aínda hoxe o facho da nosa cultura no mundo.
Cuestións coma os países que contan con agrupacións deste tipo, os
concellos cunha maior representación no exterior ou o número e
localizacións de escolas promovidas desde o exterior son algunhas da
cuestións que trata o proxecto.
Os rapaces e rapazas do instituto,
divididos en grupos, recompilaron información para a realización
posterior dun traballo práctico acerca das actividades da emigración,
das sociedades por países e dos centros galegos espallados polo mundo,
da educación promovida polos emigrantes, das actividades artísticas e
pictóricas desenvolvidas, dos movementos políticos, do papel
transcendente da muller, da atención aos maiores e dos movementos
impulsados pola mocidade.
No seguinte enlace poden descargar o libro
da exposición:
http://consellodacultura.org/mediateca/?p=333
Queremos manifestar o noso agradecemento
ao persoal da Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires por todas as
atencións mostradas e, de maneira especial, á señora delegada, María
Xosé Porteiro, por facer posible esta visita que nos permitiu achegarnos
de xeito didáctico a parte da nosa historia.
.