|
O pasado venres,
20 de xullo, coincidindo co comezo das vacacións
de inverno, o Instituto Santiago Apóstol
celebrou o Día de Galicia, festividade de
importancia máxima para o centro educativo.
Ás 9:00 horas, don
Manuel Peleteiro Pérez, apoderado legal do
instituto, e don Héctor Fernández Álvarez,
presidente do Centro Galicia de Bos Aires,
desfixeron o lazo protocolar, formado polas
bandeiras arxentina e galega, para inaugurar o
evento.
Nesta ocasión, o
alumnado dos diferentes niveis da institución
preparou un acto que quixo mostrar algunhas das
festas que, durante todo o ano, se levan a cabo
en toda Galicia.
Deste xeito, ese
día achegámonos á Romaría vikinga de Catoira (festa
de interese turístico internacional), ás maxias
e misterios de San Andrés de Teixido en Cedeira
(onde se atopan os cantís máis altos da Europa
continental) e á Festa de exaltación do pan de
Cea en Ourense (produto tradicional, singular e
único pola súa elaboración). Ademais,
recuperamos algunhas tradicións ancestrais
visitando a Festa da Historia en Ribadavia e o
ciclo festivo do Entroido galego representado
pola vila de Verín.
Tamén houbo tempo
para a música da man do conxunto de baile e
canto tradicional da escola. Estiveron presentes
as verbenas coa actuación dunha orquestra
formada por varios alumnos e alumnas do nivel
secundario e pechou o acto, envolvendo de maxia
o ambiente, a música da nosa tuna escolar. |