Dpto. de Lengua y Literatura Gallega

Historia

No mes de decembro do pasado ano 2003, inaugurouse o Departamento de Lingua e Literatura Galega deste instituto.

Este naceu coa finalidade, entre outras moitas competencias, de traballar a prol da cultura galega en todos os ámbitos nos que isto sexa necesario. Trátase de establecer unha liña de actuación que permita que os nosos signos de identidade esenciais estean suficientemente afirmados na realidade institucional do noso centro educativo e na colectividade galega en xeral.

A finalidade de ser tamén un referente e un aglutinador que, dun xeito organizado, programe e realice actividades en defensa e potenciación das nosas tradicións e da realidade global de Galicia -entendendo por tal non un marco físico, senón un ente universal- está tamén presente nos seus estatutos fundacionais.

Non esquezamos tampouco, que se ben o propio Instituto Santiago Apóstolo naceu coa finalidade de achegar aos descendentes de galegos da quinta provincia a lingua, as tradicións e os valores dos seus devanceiros, tamén ten as portas abertas para todos aqueles que, interesados na nosa cultura, desexan aproximarse a ela para coñecela, entendela, respectala e difundila.

Por todo o anterior, este departamento quere continuar e mellorar o traballo desenvolvido ata o de agora. Quere ser un lugar de encontro, de intercambio de opinións e de traballo en favor da nosa realidade. Quere abrir camiños, para que toda a colectividade galega coñeza e valore con rigor as súas raíces culturais.

Así pois, nesta obra perenne que, feita co esforzo de tantos e tantos galegos emigrantes e apoiada incondicionalmente pola Xunta de Galicia, traballa sen desánimo na procura do espallamento universal das nosas raíces, este Departamento de Lingua e Literatura Galega busca afirmar a nosa esencia máxima.

Desexamos que as mil primaveras máis prognosticadas por Álvaro Cunqueiro, se convertan en mil espazos de ilusión e traballo constante en defensa da nosa lingua e da nosa cultura.