
INVITACIÓN
Día de Galicia 2008
Bos Aires, 14 de xullo de 2008
Estimadas familias:
O vindeiro
mércores, 23 de xullo, dous días antes do comezo das
vacacións de inverno, o Instituto Santiago Apóstol vai
celebrar institucionalmente o Día de Galicia, festividade de
importancia máxima para o centro educativo ao igual que para
a terra que é o xermolo desta iniciativa pedagóxica en Bos
Aires.
Nesta
ocasión, co gallo da declaración por parte da UNESCO deste
2008 como “Ano Internacional das Linguas”, o alumnado dos
diferentes niveis da institución preparou un acto que
pretende achegar a toda a comunidade escolar e non escolar
unha preocupación de interese máximo para todas as culturas
do planeta.
Cada 15
días unha lingua desaparece deste mundo que habitamos; cada
dúas semanas unha maneira de dicir “quéroche moito” deixa de
escoitarse ao longo dos horizontes da esperanza colectiva e,
con iso, empobrece simultaneamente o noso espírito.
Segundo testemuñan os lingüísticas e expertos na materia, a
metade das 6900 linguas do planeta están en perigo de
desaparición e con elas, como dicía don Ramón Otero Pedrayo,
irase para sempre –oxalá que non– unha cultura que ninguén
xa fará coñecer máis entre os vivos.
Concienciar á xente do perigo que isto supón para a esencia
patrimonial da nosa especie, achegar unha visión moderna e
real do que isto representa será o eixe central do acto que
desenvolveremos e no cal agardamos poder contar coa súa
presenza.
Pecharemos o evento mostrando outra realidade: a loita dun
idioma (a lingua galega) e dos seus falantes por manter
vivas as súas tradicións, por achegar novos alicerces de
esperanza de futuro para a súa esencia como pobo está dando
os seus froitos.
Haberá tempo para a música; a presenza do conxunto de baile
e canto tradicional da escola, do coro escolar, do grupo de
música folk “Proxecto Apóstolo” e a actuación dalgúns
rapaces e rapazas do nivel secundario con dúas propostas
diferentes farán de roncóns reivindicativos ante a realidade
antes dita.
Aproveitaremos ademais para facer entrega dos trofeos dos
“Xogos do Santiago 2008” nos que participa todo o alumnado
do centro educativo dividido en catro equipos que
representan ás catro provincias galegas.
Por todo o anterior, a través desta nota, invitámolos a que
nos acompañen en tan sinalada data e, se o consideran
oportuno, o difundan nos seus medios.
O acto, aberto a todo o público,
desenvolverase no pavillón de deportes do Centro Galicia de
Bos Aires (Bartolomé Mitre, 2552 – 4º andar) e principiará
ás 09:00 horas.
Asdo: Delegación arxentina da Fundación Galicia - América
ir arriba
|